Os indeis sinatura conservados ou insercións e delecións sinatura conservados (abreviados como CSI, polas súas siglas en inglés) son marcadores moleculares que se encontran nas secuencias de proteínas, moi importantes para establecer as relacións filoxenéticas entre distintos grupos de seres vivos.[1][2] Os CSIs, orixínanse por raros cambios xenéticos, teñen xeralmente un tamaño definido e están flanqueados a ambos os lados por rexións conservadas, que aseguran a súa fiabilidade como marcadores filoxenéticos útiles. Aínda que os indeis poden ser insercións ou delecións arbitrarias, os CSIs defínense só como aqueles indeis das proteínas que están presentes dentro de rexións conservadas da proteína (noutro caso eses indeis non serían indeis sinatura conservados).[2][3][4][5]
Os CSIs que están restrinxidos a un clado particular ou grupo de especies, proporcionan xeralmente bos marcadores filoxenéticos sobre a descendencia evolutiva común.[2] Debido á rareza e natureza moi específica de tales cambios, é menos probable que se tivesen orixinado de forma independente por evolución converxente ou paralela (é dicir, homoplasia) ou sinapomorfía. Outros factores que adoitan ser confusos como as diferenzas nas taxas de evolución en diferentes sitios ou entre diferentes especies tampouco afectan xeralmente á interpretación dos CSIs.[2][3] Determinando a presenza ou ausencia de CSIs en especies fóra do grupo, pode inferirse se a forma ancestral do CSI foi unha inserción ou deleción e isto pode utilizarse para elaborar árbores enraizadas que indiquen as relacións filoxenéticas entre os organismos.[1][2]
A maioría dos CSIs que foron identificados mostran un alto valor preditivo e xeralmente manteñen a especificidade polos clados de especies identificados orixinalmente. Xa que logo, baseándose na súa presenza ou ausencia, sería posible identificar tanto especies coñecidas coma mesmo especies previamente descoñecidas que pertencen a estes grupos e viven en distintos ambientes.[3]